- O EQUIPO DE AGRILAR
Profesionais cun amplo percorrido á hora de favorecer os procesos madurativos da infancia
Traballamos partindo da potencialidade única e orixinal da infancia, respectando os tempos de cada neno/a e comprendendo os seus límites.

Centro Agrilar. Psicomotricidade Vivenciada en Ourense
Somos un equipo especializado en Psicomotricidade Vivenciada que entende a infancia desde unha visión global, profunda e respectuosa.
A práctica psicomotriz vivenciada é un modelo de intervención que ten como obxectivo favorecer a maduración psicolóxica dos nenos e nenas pola vía sensoriomotora.
Por medio do corpo, da acción e do movemento, teñen a posibilidade de realizar múltiples experiencias corporais que xorden dun xeito natural e que lles permiten construír a base fundamental do seu pensamento, da súa propia consciencia, da comunicación e da apertura aos procesos de socialización.
Un equipo que acompaña con presenza, respecto e confianza
A nosa traxectoria e formación profesional

Eva María Gómez Rodríguez
Pedagoga Especialista en Pedagoxía Terapéutica e Educación Especial. Terapeuta Psicomotriz.
Núm. colexiada. 1514
No meu desenvolvemento profesional sempre traballei en ámbitos relacionados con mundo da infancia e procurei achegarme a eles coa firme crenza de que son seres únicos, de que teñen unha historia orixinal e de que posúen todas as potencialidades para poder evolucionar. Considero tamén que a función do adulto é acompañalos nese percorrido madurativo, escoitalos, miralos con confianza, darlles o seu lugar e apoialos nas dificultades. Desta forma axúdalles a canalizar os seus malestares, guíaos na resolución de conflitos e dálles seguridade afectiva.
No ano 2012 comecei a formarme como psicomotricista e chegou a min a posibilidade de afondar no coñecemento da infancia: as súas necesidades e desexos, a importancia dos primeiros anos para a construción do seu psiquismo, como o neno/a o integra este psiquismo a través do corpo e do movemento, e a importancia que ten o adulto para arroupalo no seu mundo emocional e ofrecerlle unha resposta axustada ás súas necesidades.
«Desde o meu traballo como terapeuta, achégome á infancia cunha presenza chea de gratitude e recoñecemento, e coa idea de que todo neno e nena ten dereito a crear o seu desenvolvemento e marcar os seus propios ritmos.»

Natalia González González
Educadora infantil. Terapeuta de rotacións. Terapeuta psicomotriz.
A infancia é o inicio da vida. Unha etapa auténtica, intensa e sensible onde todo está por construír. O meu percorrido inclúe formación e experiencia como educadora infantil e outros cursos complementarios que me axudaron a comprender a importancia dos primeiros anos na vida das persoas.
Cheguei á psicomotricidade a través dunha fermosa casualidade que se deu no camiño de querer ir máis alá desde a Educación Infantil e que foi guiada pola sensibilidade e a sorte de atoparme con adultas que non teñen medo de mirarse, de cuestionarse e de formarse (tanto a nivel teórico como práctico e persoal) para acompañar dun xeito máis honesto.
A formación en Psicomotricidade Vivenciada comeza pero non remata nunca. Cambioume a vida e segue dándome moito, tanto a nivel profesional como persoal. Si, a Psicomotricidade Vivenciada cambia a vida das persoas, xa que esta práctica é coherente coas necesidades reais de cada un e é un espazo seguro onde cada neno/a pode ser e estar como mellor o sinta.
É pracer pero non é entretemento. É elaboración, transformación, vínculo, corpo, pensamento, simbolización… Tamén é globalidade, mirada, abordaxe, traballo, análise, profundidade, acompañamento…
«Nunha sesión, pregunteille a unha nena que era para ela Agrilar e díxome: "todo". E tiña razón, porque Agrilar pode ser todo o que cada neno/a necesita que sexa.Aquí é onde acompaño. Aquí é onde crecemos cada día. Agrilar para min tamén é casa.»

Eva María García García
Pedagoga. Mestrado en Psicodrama no Centro de Psicoterapia e Técnicas de Grupo Psicodramáticas de Salamanca. Psicomotricista.
Encontrei a miña vocación moi nova cando colaboraba en proxectos de lecer e diversidade funcional. E por esta razón decidín realizar a miña carreira e complementala cunha abordaxe terapéutica máis profunda. Ampliei a miña formación cunha metodoloxía que parte dun enfoque de psicoloxía humanista e desenvólvese mediante técnicas de intervención activa, como é o Psicodrama Pedagóxico.
A partir de aquí, e pondo un enfoque maior na infancia, formeime como Psicomotricista co obxectivo de facer que os nenos e nenas sexan protagonistas do seu propio crecemento, acompañándoos no seu desenvolvemento motor, afectivo e cognitivo. Todo isto faise desde a creación dun vínculo de confianza e seguridade que os axude na procura da súa propia identidade, desde unha mirada de respecto que ten como finalidade superar os medos e as angustias inherentes ao desenvolvemento, e a través do xogo espontáneo na sala de psicomotricidade.
«Levo 20 anos dedicando o meu traballo a acompañar persoas de diferentes colectivos co fin de potenciar o seu desenvolvemento integral e encamiñalos cara un maior benestar nos ámbitos persoal, cognitivo, afectivo e social.»

Uxía Pérez Vázquez
Mestra.
Terapeuta Psicomotriz.
Se penso na miña andadura ata o día de hoxe, doume conta de que o meu impulso vital estivo vinculado á infancia desde moi nova e isto foi o que me levou a estudar Maxisterio. Máis tarde esta mirada foise afinando e perfilando co meu encontro coa maternidade.
Nese momento o latexo volveuse máis intenso e a necesidade de busca fixo que me encontrase cunha formación en Acompañamento Respectuoso e Educación Activa que deixou unha fonda pegada na Práctica Psicomotriz Aucouturier que sigo descubrindo e coñecendo cada día.
Nesta práctica atopei unha mirada á infancia que acolle e acompaña a cada ser único no seu proceso madurativo, no seu propio ritmo. É un encontro a través do xogo que transforma os corpos e que durante anos xa me amosara a miña formación en teatro. Todo un proceso de aprendizaxe que me leva a mirarme e coidarme para coidar tamén os que me acompañan.
«A infancia é descubrimento, exploración, sorpresa, curiosidade... é unha etapa que vai permanecer en nós como persoas adultas, vainos a acompañar ao longo da nosa vida. É a base para construirnos, o “Agrilar” do desenvolvemento.»
Comeza a túa viaxe con Agrilar
Acompañamos a cada neno e nena no seu desenvolvemento único, respectando os seus tempos e necesidades.