- METODOLOXÍA - QUE FACEMOS?
Acompañamos os nenos e nenas no seu proceso madurativo
Somos especialistas en comprender o mundo emocional da infancia.

«Un neno feliz é ante todo un ser de acción. Ten pracer en facer porque facer é vivir.»
— Bernard Aucouturier

Que funcións desempeña a psicomotricista?
Entender como cada neno e nena manifesta a súa estrutura somática, afectiva e cognitiva a través do seu corpo e do seu movemento. Isto axúdanos a descubrir as pegadas que a súa historia deixou no seu ton corporal, no seu eixe, no seu equilibrio, no seu ritmo, na súa curiosidade e no seu desexo de acción.
Comprender para dar unha resposta axustada e significativa ás súas necesidades de desenvolvemento, facilitándolles os procesos de aprendizaxe para que poidan:
Aprender a realidade doutra maneira.
Atenuar as súas angustias e malestares cando estas son excesivas.
Desbloquear os seus conflitos.
Continuar co seu proceso de desenvolvemento da maneira máis harmónica posible.

Un espazo propio de seguridade e escoita
O acompañamento a familias
Desde o Centro Agrilar entendemos que as familias teñen que ter un espazo propio de acompañamento no que se busca crear un ambiente de análise e reflexión ante situacións que se estean a dar no ámbito social, escolar ou familiar que condicionen o funcionamento dos seus fillos/as, e da estrutura familiar.
A finalidade é achegar outra mirada máis profunda sobre a dificultade do neno/a e fomentar, desde a comprensión do seu comportamento, novas estratexias relacionais.

Un espazo íntimo para que se coñezan e expresen o seu mundo emocional
A sala de psicomotricidade
Ofrecemos un ambiente seguro desde o punto de vista afectivo (a sala de psicomotricidade) no que se combinan espazos e tempos cuns materiais determinados, e onde o neno ou nena pode experimentar con todas as posibilidades do seu corpo dunha forma espontánea e pracenteira. Isto permítelle sentirse capaz, afrontar os seus medos, traballar en equipo, aprender a comunicarse…
A disposición da sala permítelles realizar todas as experiencias que necesitan para un desenvolvemento harmonioso.
Bótalle unha ollada ao noso servizo de psicomotricidade vivenciada
Un espazo seguro onde emoción, pensamento e movemento se conectan para favorecer un desenvolvemento pleno e equilibrado.